Un ano máis, espero ansiosa a que se achegue febreiro para ir ata o Fantasporto (festival de cine fantástico de O Porto) para poder gozar dun par de días de ciencia ficción e terroooooor. Iso si, esperemos que este ano a organización sexa un pouco mellor. E é que o ano pasado non houbo máis ca imprevistos, cancelacións de películas e retrasos, moitos retrasos. De feito, fun de sábado para domingo e só puiden ver unha película ó sábado á noite, porque o domingo había que volver cedo para España e a que nos daba tempo a ver retrasábase dúas horas, así que, quedamos sen nada.
Pero haberá que explicar un pouco de que vai todo isto. Para os que nunca oístes falar del, o Fantasporto é un festival de cine de ciencia ficción con películas que van dende o gore máis brutal ós contos de fadas pasando por zombis, monstruos ou futuros apocalípticos. Á parte de filmes, tamén se proxectan curtas ou ben en bloque (o que non está moi ben pensando porque non fan un descanso en 3 horas de curtas), ou ben antes dunha longa. Tódolos anos xira entorno a algunha temática, e inda que este ano non sexa oficial, hai que recoñecer que se vai poñer moito cine asiático.
O festival é o máis importante deste tipo en Portugal e tamén é un dos máis importantes dentro de Europa. Tódolos anos hai actores e directores que van presenta-los seus filmes e faise moi raro poder ver a xente como Guillermo del Toro camiñando tan tranquilo por O Porto adiante.
Así que, se estás pensando en ir, eu douche os puntos positivos:
1. Queda relativamente cerca de aquí.
2. Podes estar nun hotel a 300 metros do teatro principal por uns 20 euros por persoa (almorzo incluido).
3. A entrada custa 4 euros inda que sexa unha película de estreno (ou ese era o prezo o ano pasado e o anterior).
4. Podes aproveitar para ir á Fnac e comprar pelis e cds tirados de prezo en comparación con España.
Este ano vai do 25 de febreiro (luns) ó 9 de marzo (domingo), así que hai polo medio dúas fins de semana fermosísimas para deixarse caer por alí e pasalo de meedoooo.
Non pensaba actualizar tan pronto, pero entráronme unhas ganas imperiosas de compartir co mundo esta marabilla. Aquí se mestura todo ó que son adicta: cine, música e lectura. Este é un exemplo de boa música acompañada dun estupendo videoclip e todo mesturado con referencias a todo un clásico do cinema de terror que non podedes deixar de ver e que xa comentaremos máis adiante. Xa veredes que non é difícil adiviñar a que película me refiro. O argumento cambia bastante, pero a esencia está aí e eu creo que é unha homenaxe moi bonita e moi ben feita. Quizais o das raias é un pouco raiante (valga la redundancia), pero hai outras versións sen elas. A ambientación está moi conseguida e os do grupo fano moi ben (non se nota que me encanta este videoclip). Así que, aí volo deixo. Gozade del :)
Douvos a benvida a todos e a todas.
Este é un blog feito coa intención de ser un punto de encontro para toda a xente á que lle guste o cine, a televisión, a música... Tentarei actualizalo o máis a miúdo posible, pero gusraríame contar coa axuda de todos vós para facelo.
O que eu quero é facer deste un blog interactivo, onde todo o mundo participe. Por iso, se queredes facer unha crítica sobre unha película, un libro, un videoclip ou calquera outro produto de entretemento (tanto se vos gustou coma se non), só tendes que enviarma a ulala_eu@hotmail.com, que xa me encargo eu de que quede ben á vista. Tamén se aceptan suxerencias sobre temas dos que vos gustaría falar ou ideas para mellora-lo blog.
Espero que participedes, xa que creo a miña idea é poder compartir experiencias e así descubrir (por exemplo) películas que doutra forma non me interesaría por ver.
Así que, xa sabedes. Pasádevos por aquí cando queirades e dicide todo o que queirades dicir. Unha aperta e que o pasedes moi ben.