Xa sei que vai con certo retraso, pero velaiquí a primeira parte do que serán os meus comentarios sobre o Fantasporto.
Empezamos o día (e o festival) co visionado dunha selección de curtas portuguesas. O máis normal é que as vaian emitindo antes dos filmes, pero sempre hai unha tarde en que aparecen todas xuntas. A presentación non foi moita cousa, e é que non dá moi boa impresión que na estrea dunha obra non estea ningún dos implicados nela. Non había nin un só director, actor ou guionista que participase nas curtas, ou polo menos ningún deles quixo saír falar. Houbo curtas para tódolos gustos: intimistas, de denuncia, de retrato social... Aí vos vai un pequeno resume/opinión de cada unha:
Lost in Art: reflexión sobre a arte en xeral. É unha curta un tanto abstracta pero con liña argumental máis ou menos clara. É moi interesante, pero un pode perderse se non está suficientemente esperto.
Trabalho do corpo: interesante curta de animación en que unha rapaza fai un percorrido interior no seu pasado, presente e futuro para descubrir quen é. As imaxes son preciosas e a banda sonora non ten desperdicio.
China China: pequena historia sobre a inmigración chinesa en Portugal dende o punto de vista dunha rapaza nova xa casada e cun fillo á que aparentemente non lle interesa moito a súa familia.
Arquivo: esta é unha curta que é imposible que che deixe indiferente. É claramente unha crítica contra a sociedade moderna e os contrastes que creamos, que xira ó redor das inundacións que sufriu Portugal hai un par de anos. Nos 17 minutos que ten de duración, vese como poñen un peixe vivo sobre unha mesa e mostran un primeiro plano de como vai morrendo fóra da auga mentres intercalan imaxes das devanditas inundacións. Ó final afirman que non se maltratou ningún animal, pero dubido moito que o peixe fora de mentira e, a verdade, para min foi a curta máis horrible que vin na miña vida porque (se era un peixe de verdade, e eu creo que si) paréceme incrible que un artista poida utilizar a morte dun animal inocente só para expresar o que lle dea a gana. Inda que sexa un peixe, todo este tipo de actos son deplorables.
E creo que por hoxe xa chega. Continuarei os próximos días con máis curtas, un filme británico moi interesante e un comentario final do Fantasporto en xeral. Así que, ata o próximo día, portádevos ben e seguide vendo moito cine.
Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados