
Antes de nada, só quero dicir que seguín a cerimonia dos Goya a cachos; e é que cada vez lle dou menos imporantancia a tódalas entregas de premios do cine en xeral. Con todo, non podía deixar sen comentar ese merecidísimo Goya honorífico a Alfredo Landa xusto cando anuncia a súa retirada dos platós de cine. É un home ó que sempre admirei, quizais porque me recorda un pouco ó meu pai: baixiño, con cara de bo, sempre en papeis de boa (as veces demasiado boa) persoa... Ademais, é un dos poucos actores que poden presumir de ser unha figura destacada na época do destape (con todo o que iso conleva) e un actor serio e de grandes actuacións a partir de aquela época. ¿Quen pode non quedar impresionado co que fai en Los santos inocentes? E quizais non todo o mundo se lembre, pero estivo durante un par de anos na tele na serie Lleno, por favor , unha traxi-comedia onde tiñamo-lo pracer de poder velo case a diario. Pareceume moi mal, iso si, o que lle fixeron na gala. Un home que dedicou toda a súa vida ó cine español e que recoñeceu que se retira porque perdeu a ilusión de facer cine, debería poder estar todo o tempo que lle dera a gana dando as grazas polo premio. Case me emociono ó ver como se lle atragantaban as palabras durante o discurso e deume moitísima rabia ver que José Sacristán e José Millán o intentaban afastar do micrófono a tiróns. En fin, é unha pena que se retire un dos grandes, pero é bo saber que o seguimos tendo aí por se algún día recobra as ganas de aparecer na gran pantalla.