Publicidad:
Terra
La Coctelera

Categoría: cinema

Fantasporto 1ª parte: Curtas

Xa sei que vai con certo retraso, pero velaiquí a primeira parte do que serán os meus comentarios sobre o Fantasporto.

Empezamos o día (e o festival) co visionado dunha selección de curtas portuguesas. O máis normal é que as vaian emitindo antes dos filmes, pero sempre hai unha tarde en que aparecen todas xuntas. A presentación non foi moita cousa, e é que non dá moi boa impresión que na estrea dunha obra non estea ningún dos implicados nela. Non había nin un só director, actor ou guionista que participase nas curtas, ou polo menos ningún deles quixo saír falar. Houbo curtas para tódolos gustos: intimistas, de denuncia, de retrato social... Aí vos vai un pequeno resume/opinión de cada unha:

Lost in Art: reflexión sobre a arte en xeral. É unha curta un tanto abstracta pero con liña argumental máis ou menos clara. É moi interesante, pero un pode perderse se non está suficientemente esperto.

Trabalho do corpo: interesante curta de animación en que unha rapaza fai un percorrido interior no seu pasado, presente e futuro para descubrir quen é. As imaxes son preciosas e a banda sonora non ten desperdicio.

China China: pequena historia sobre a inmigración chinesa en Portugal dende o punto de vista dunha rapaza nova xa casada e cun fillo á que aparentemente non lle interesa moito a súa familia.

Arquivo: esta é unha curta que é imposible que che deixe indiferente. É claramente unha crítica contra a sociedade moderna e os contrastes que creamos, que xira ó redor das inundacións que sufriu Portugal hai un par de anos. Nos 17 minutos que ten de duración, vese como poñen un peixe vivo sobre unha mesa e mostran un primeiro plano de como vai morrendo fóra da auga mentres intercalan imaxes das devanditas inundacións. Ó final afirman que non se maltratou ningún animal, pero dubido moito que o peixe fora de mentira e, a verdade, para min foi a curta máis horrible que vin na miña vida porque (se era un peixe de verdade, e eu creo que si) paréceme incrible que un artista poida utilizar a morte dun animal inocente só para expresar o que lle dea a gana. Inda que sexa un peixe, todo este tipo de actos son deplorables.

E creo que por hoxe xa chega. Continuarei os próximos días con máis curtas, un filme británico moi interesante e un comentario final do Fantasporto en xeral. Así que, ata o próximo día, portádevos ben e seguide vendo moito cine.

El viaje de Chihiro

Sei que dende que empecei ainda non fixen ningunha crítica negativa, pero é que parece que ultimamente só me coincide ver cousas que me gustan. Mellor que mellor. Onte puiden ver (por fin enteira, sempre a vira a cachos) El viaje de Chihiro. Estabamos miña nai e mais eu, e as dúas nos levantamos da mesa encantadas cando rematou. A banda sonora é unha preciosidade, así coma a historia e os propios debuxos; e vese por que levou o Óscar á mellor película de animación no 2002 e o Oso de ouro á mellor película no festival de Berlín dese mesmo ano. A historia empeza cando os pais de Chihiro se transforman en porcos despois de comer un banquete que atoparon no medio dunha aldea aparentemente abandonada. A partir dese momento, a rapaza descobre que está noutro mundo e que só ela (coa axuda do seu amigo Haku) pode facer algo para sacalos de alí e volve-los seus pais ó estado normal. A película está chea de fantasía e moitísima imaxinación, pero tamén hai moito humor e moita docura. A protagonista é moi valente e esperta (coma a maioría dos nenos protagonistas deste tipo de historias) pero tamén demostra que ten medo e sofre. En fin, un filme moi recomendado tanto para nenos coma para adultos.

Recomendación: mellor vela con tranquilidade e sen prexuízos.

Nota: 9

Sweeny Todd - El barbero diabólico de la calle Fleet

Empecemos polo principio. Cheguei ó cine con tanta ilusión coma unha nena pequena nun parque de atraccións, e é que para min, cada película de Tim Burton é un novo mundo de diversión. Con todo, teño que recoñecer que non me pareceu unha das súas películas máis redondas. Helena Bonham Carter e Johnny Depp están estupendísimos e cantan moi ben (menos mal, por certo, que só se dobraron as partes non cantadas); pero algunhas das cancións non me acabaron de convencer. Hai que entender que se trata da adaptación dun musical, polo que tampouco era de esperar que se cambiase a letra ou a música, pero había algúns momentos nos que o tipo de canción (é un musical, é un musical) se facía un pouco pasteloso de máis. A ambientación, iso si, tremenda: ver Londres en tons grises e escuros non ten prezo. A outra pega que lle poría son os subtítulos, pero isto xa non ten que ver coa obra orixinal do señor Burton, claro. Pasaban ás veces un pouco demasiado rápido e, para o meu gusto, estaban moi rococós. Entendo que o tradutor o tiña difícil tendo en conta a época en que transcorre e que subtitular sempre ten as súas complicacións, pero creo que se podían ter mellorado. A pesar de todo, é unha obra de Tim Burton e, en consecuencia, (e con toda a sangue vermella de mentirijilla que aparece) xa está entre as miñas favoritas.

Recomendación: ¡Que vou dicir eu de Tim Burton!

Nota: 9

Juno

Que bonita película, si señor. A verdade é que fun ó cine coa intención de ver 30 días de oscuridad (unha vez máis, o meu amor ó cine de terror ou de supervivencia extrema) pero non quedaba entradas; e como Sweeny Todd aínda non está en cartel e as outras opcións eran Rambo ou Astérix… Pero non me arrepinto para nada da elección. Juno é unha comedia diferente, con trazos de traxedia e moita orixinalidade. A protagonista, Juno (Ellen Page) é unha rapaza de 16 anos un pouco fóra do normal que queda embarazada. Inda que nun principio pensa en abortar, acaba atopando unha parella para dárlle-lo neno en adopción. Recordoume en certa maneira a Amélie, polo seu ton de inocencia (inda que a forma de ser de Juno e a de Amélie non ten nada que ver). É un deses filmes dos que se di que tódolos seus actores están “en estado de gracia”: dende Juno ó seu “mozo” (Michael Cera), todos fan que creas ó cento por cento no seu papel. E outro dos puntos que hai que destacar é a banda sonora. Unha música magnífica que acopaña ós personaxes durante toda a metraxe. O malo, coma sempre, é que as letras non veñen traducidas, e perder esa canción do comezo que di cousiñas coma “Se fóse-lo chan, eu querería se-la alfombra; e se foses un bico, eu sería unha aperta “ é unha auténtica pena. Así que, como se di en Portugal “um filme a não perder”.

Recomendación: Hai que vela.

Nota: 8,5

Los crímenes de Oxord - The Oxford Murders

Teño que recoñecer que a principal razón de que fora ver Los crímenes de Oxford foi que o director era Álex de la Iglesia, que me parece un autor moi bo. De principio, o argumento ronda un tema bastante trillado: asasino en serie que anuncia os seus crimes dunha forma enrevesada e que só un par de persoas poden descifrar. Con todo, o filme vai gañando en suspense a medida que a historia avanza e, inda que non chega ós niveis de Tesis, non deixa claro quen pode se-lo culpable; xa que vai dando pistas que fan que calquera dos personaxes pudiera quede baixo sospeita. Véxolle, iso si, unha grande pega: a parella Watling-Wood (por moito que me gusten os dous) non a cren nin eles. Non hai química e fai que as escenas entre os dous resulten insípidas. O mellor, iso si, a historia do matemático que se volve tolo, un pouco gore, pero moi efectista. Ademais, situa-la acción nunha cidade tan pequena como é Oxoford, dálle un toque diferente.

Recomendación: Bueno, non está mal.

Nota: 6,5 – 7